Saltar ao contido

Selección de rugby de Escocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escocia
Escudo de camisola/Emblema da asociación
Alcume(s)XV do Cardo
EmblemaCardo
UniónScottish Rugby Union
AdestradorGregor Townsend
CapitánStuart Hogg
Mais capsRoss Ford (110)
Máximo anotadorChris Paterson (809)
Máis ensaiosDuhan van der Merwe (28)
EstadioMurrayfield (67 500)
Casa
Fóra
Ranking World Rugby
Actual9 (2 de decembro de 2019)
Máximo5 (2018)
Mínimo12 (2015)
Estrea internacional
Escocia Escocia 1−0 Inglaterra Inglaterra
Edimburgo, Reino Unido; 27 de marzo de 1871
Maior vitoria
Escocia Escocia 100−8 Xapón Xapón
Perth, Reino Unido; 13 de novembro de 2004
Maior derrota
Escocia Escocia 10−68 Suráfrica
Edimburgo, Reino Unido; 6 de decembro de 1997
Copa do Mundo
Participacións9 (primeira en 1987)
Mellor resultado4º (1991)

A Selección de rugby de Escocia representa a Escocia en torneos internacionais de rugby. O rugby en Escocia está regulado pola Unión de Rugby Escocesa (SRU). O equipo ocupa o noveno posto na lista mundial da IRB[1] e forma parte tamén do British and Irish Lions (un combinado formado por xogadores de tódalas nacións das Illas Británicas que xoga partidos de exhibición cada certo tempo). Anualmente toman parte no torneo das Seis Nacións e participa na Copa do Mundo de Rugby, que ten lugar cada catro anos.

O rugby escocés data de 1871, cando gañaron a Inglaterra no primeiro partido internacional de rugby en Raeburn Place (Edimburgo). Dende que comezou en 1883, Escocia compite no Cinco Nacións gañando o campionato de pleno dereito en 14 ocasións, incluíndo o último torneo das Cinco Nacións en 1999, e compartindo outros 8. No ano 2000 a competición aceptou a un sexto participante, Italia, o que deu lugar ao Seis Nacións. Dende este troco Escocia non volveu nunca gañar o torneo. A Copa do Mundo de Rugby celebrou a súa primeira edición en 1987 e Escocia competiu até o de agora en tódalas ocasións, a última en 2007. O mellor posto do XV do Cardo nesta competición foi en 1991, onde perderon cos All Blacks no partido polo terceiro posto.

Escocia ten unha grande rivalidade coa selección inglesa. Compiten anualmente pola Calcutta Cup coma parte do torneo das Seis Nacións. Os escoceses son os actuais posuidores do trofeo trala súa vitoria por 15 a 9 no Seis Nacións de 2008 no Murrayfield. Porén, nos últimos anos, Escocia conseguiu poucas vitorias fronte o seu Auld Enemy (vello inimigo), gañando só catro veces dende 1990. Ademais lonxe da súa última vitoria en Inglaterra, que foi en 1983.

O primeiro encontro internacional

[editar | editar a fonte]
Escocia vs Inglaterra, 1871.

O primeiro encontro internacional do equipo de Escocia de rugby ten lugar contra Inglaterra o domingo 27 de marzo de 1871[2]. Este non só é o primeiro partido de Escocia senón o primeiro encontro internacional endexamais disputado. O partido xogouse en Raeburn Place, na cidade de Edimburgo (Escocia). Os do Cardo venceron aos ingleses por 4 a 1 diante de 4.000 espectadores[3][4].

Como xa se nomeou anteriormente, este partido foi xogado en Raeburn Place, un estadio de crícket, xa que a federación escocesa de rugby non dispoñía aínda dun recinto axeitado para un partido internacional[5]. Así que o partido se diputou con só dez xogadores por equipo e dúas metades de cincuenta minutos. Os escoceses gañaron o partido por un ensaio e un drop contra un ensaio dos ingleses.

Encontros británicos e barullo (1870-1889)

[editar | editar a fonte]
Mapa de Escocia e das Illas Británicas
Os Originals, primeiros All Blacks
Springboks en 1906

O desquite entre os equipos de Escocia e Inglaterra tivo lugar sobre o terreos dos últimos, no Oval de Londres. Inglaterra gañou o partido por 8 a 3[6]. O seguinte partido entre as dúas nacións foi no Hamilton Crescent de Glasgow cun empate a 0 puntos[7]. Os dous equipos atopáronse de novo dous anos máis tarde, o luns 23 de febreiro de 1874, con vitoria inglesa por 3 a 1.

Irlanda debutou na competición internacional nun encontro conta Inglaterra en 1875 (derrota dos irlandeses por 7 a 0). Gales debutou un pouco máis tarde tamén contra Inglaterra en 1881, Irlanda en 1882 e Escocia en 1883. Os enfrontamentos entre Escocia e Gales comezaron o 8 de xaneiro de 1883 en Raeburn Place (Edimburgo) vencendo os do Cardo por 9 a 3. É a primeira edición do hoxe torneo das Seis Nacións, o Torneo británico de rugby 1882-1883.

É xa en 1884 cando estes catro equipos enfróntanse todas na mesma tempada, aínda que en efecto falta un partido da edición de 1882-1883 para que o Torneo sexa disputado completamente[8]. As edicións de 1885, 1887 e 1889 non son completadas debido a problemas entre distintas federacións[9].

Os ingleses son excluídos das edicións de 1888 e 1889 do Torneo debido ao seu rexeitamento a unirse á International Rugby Board[10][11].

Novos adversarios (1900-1909)

[editar | editar a fonte]

Escocia perdeu contra o País de Gales. o primeiro partido do Torneo británico de rugby do 1900, os galeses son os grandes dominadores deste decenio, con xogadores coma Billy Bancroft, Jehoida Hodges, Willie Llewellyn, Gwyn Nicholls ou Billy Trew. Escocia porén, empata con Irlanda obtendo un partido nulo e perde outra vez, esta vez contra Inglaterra en Inverleith (Edimburgo).

Un equipo representante de Nova Zelandia fixo unha xira pola Gran Bretaña en 1905, eran os chamados Originals. O termo All Blacks é utilizado por primeira vez nesta ocasión[12]. A xira é todo un éxito para os Originals, só perdendo unha soa vez contra Gales en Cardiff por 3 a 0[13]. Escocia recibiu aos neozelandeses o 18 de novembro de 1905 en Inverleith, perdendo por 7 a 12[14].

En 1906, Escocia perdeu dous encontros do Torneo, e despois outro equipo internacional fai unha xira polas Illas Británicas, trátase dos Springboks, a selección de rugby de Suráfrica[15]. Neste torneo fixeron historia e gañaron o seu característico nome, porén, perderon contra Escocia[16][17].

Durante o período de 1900 a 1909, a selección de Escocia disputou 32 partidos contra cinco nacións, conseguindo 17 vitorias (13 derrotas, 2 empates), é dicir, un 53% de éxito. Gañaron sete dos dez partidos xogados contra o XV da Rosa e seis de dez contra os irlandeses. Os do Cardo gañaron catro torneos neste tempo: 1901, 1903, 1904 e 1907 (con tres triplas coroas obtidas) e porén, contra Gales perden sete encontros, gañando só tres dun total de dez encontros disputados. Por último destacar a súa derrota contra os All Blacks e unha vitoria contra os Springboks.

1919 - 1939

[editar | editar a fonte]

Os encontros internacionais de rugby disputáronse en Inverleith até 1925, ano no que a SFU merca un terreo e constrúe o primeiro Estadio de Murrayfield, o cal é inaugurado o 21 de marzo de 1925. A comezos desta tempada o Scottish Football Union (SFU) pasa a coñecerse coma Scottish Rugby Union (SRU). En 1925[18], Escocia vence a Francia en Inverleith (25-4), ao País de Gales en Swansea (24-14) e a Irlanda en Dublín (14-8). A Inglaterra de Wavell Wakefield, que viña de gañar os Grand Slam de 1923 e 1924, vai disputar o partido definitivo do Torneo contra os escoceses en Murrayfield, enchéndose o estadio con 70.000 seareiros. O partido foi moi igualado, gañando finalmente os escoceses 14 a 11 e obtendo por primeira vez na súa historia o Grand Slam.

En 1926 Escocia converteuse na primeira nación europea en gañar en Twickenham (Londres) a Inglaterra, o que supuxo a fin da "idade de ouro" dos do XV da Rosa[19]. En contraposición, o XV do Cardo gañou o seu segundo torneo consecutivo, compartido cos irlandeses. O torneo das nacións de 1927 é unha repetición do de 1926, con tres vitorias, unha derrota fronte Irlanda, e a vitoria final compartindo o trofeo cos de XV do Trevo. O 17 de decembro de 1927, Escocia recibe a Australia e imponse 10 a 8.

O 19 de marzo de 1938, os do XV do Cardo conducidos por Wilson Shaw desprazáronse a Inglaterra dentro do Torneo. Escocia consegue cinco ensaios conta un, sendo este o partido máis destacado de Wilson Shaw, autor de dous ensaios e orixinando un terceiro. Escocia gañou así o seu segundo partido en Twinckenham despois da vitoria de 1926. Este foi o primeiro partido internacional televisado.

1947 - 1985

[editar | editar a fonte]

Despois dunha interrupción debido á segunda guerra mundial, retómase o Torneo das Cinco Nacións en 1947 coa participación de cinco nacións, xa que Francia é admitida despois do torneo de 1939. O 1 de xaneiro xaneiro de 1947 Francia recibe a Escocia, gañando 8 a 3. O Torneo é difícil para os do Cardo, que logo de rematar con catro derrotas faise cunha nova Culler de Madeira. Os australianos de xira a finais de ano tamén se impoñen.

No torneo das cinco nacións de 1948, Escocia logra gañar a franceses e ingleses a domicilio, terminando con dúas vitorias e outras tantas derrotas.

A edición de torneo de 1972 quedou incompleta[20]: o País de Gales e os escoceses rexeitaron viaxar a Irlanda por mor dunhas cartas recibidas con ameazas anónimas, supostamente por parte do IRA.

Gordon Brown foi sinxelamente un dos mellores segunda liña europeos de despois da guerra[21]. Broon frae Troon é o membro máis importante dos cinco de fronte que endexamais tivo Escocia: Ian McLauchla, Frank Laidlaw, Sandy Carmichael, Alastair McHarg e Gordon Brown. E son estes cinco a pedra angular do equipo que transformou Murrayfield nunha fortaleza impenetrábel.

Entre o 1 de marzo de 1971 e o 31 de decembro de 1975, o equipo de Escocia perde unha soa vez na casa, só contra os All Blacks por 14 a 9 en 1972. En 1984 conseguiron o Grand Slam.

Gavin Hastings, Rei de Escocia (1986-1995)

[editar | editar a fonte]

Na primeira xornada do Cinco Nacións de 1986, Garvin Hastings falla o golpe de envío (toque directo), os franceses xogan rapidamente e marcan o seu primeiro ensaio. Un aínda rapaz Gavin Hastings non está en absoluto abatido, e consegue marcar os seis penaltis da vitoria por 18 a 17 dos escoceses[22].

Despois duns anos sen acadar nada, 1990 é un ano histórico para os escoceses, con catro vitorias en catro encontros. O equipo escocés endosoulle un 13 a 10 os do Trevo en Irlanda, un 21 a 0 a Francia 21-0 e despois de gañar por 13 a 9 a Gales, Escocia gaña 13 a 7 ao equipo inglés, que tamén podía levarse o Grand Slam... David Sole, John Jeffrey, Finlay Calder, Derek White son os patróns e Gavin Hastings é a vedette... os escoceses venceron 13 a 7 e acadaron o Grand Slam. O 10 de novembro de 1990, enfróntanse oficialmente a Arxentina por primeira vez e impóñense 49 a 3[23].

1996-1999

[editar | editar a fonte]
Sean Lamont.
Seguidores escoceses.

No Cinco Nacións de 1996, ao igual que en 1995, Escocia gaña os seus primeiros tres partido para xogar o cuarto contra Inglaterra nunha loita polo Grand Slam, perdendo de novo. Na xira de xuño de Nova Zelandia perde dúas veces con resultados moi avultados, 62-31 e 36-12. O 14 de decembro, Escocia xoga por primeira vez fronte Italia, gañando os do Cardo por 29 a 22[24].

En 1999 Escocia gaña o último torneo no que participan as Cinco Nacións, incorporándose ao ano seguinte a selección italiana. Sendo este ademais o último título dos escoceses até o día de hoxe. O torneo comezou cunha vitoria fronte os Dragóns Vermellos 33 a 20 na casa, unha derrota a domicilio contra Inglaterra (que perdería contra Gales o último partido), e dúas vitorias, unha contra Francia moi axustada, por 33 a 34, diante de 78.724 espectadores no Stade de France en París e unha última contra Irlanda en Murrayfield.

Os anos escuros (2000-2008)

[editar | editar a fonte]

Cunha vitoria no torneo de 2000, o resultado non é precisamente bo, mesmo se se impuxeran aos ingleses no último encontro. O de 2001 comeza bastante mal tralas derrotas fronte Francia e Inglaterra, e un empate cos galeses. Despois de gañar a Italia por 23 a 19 o partido fronte a Irlanda é aprazado por unha epizootia (unha enfermidade contaxiosa que ataca a un número pouco habitual de animais ao mesmo tempo e lugar, que se propaga con rapidez) de febre aftosa. O 22 de setembro os irlandeses perden en Escocia por 32 a 10, privándose a obtención do Grand Slam.

Os símbolos

[editar | editar a fonte]
O thistle (cardo), o símbolo de Escocia.

O cardo é a flor nacional, e tamén o símbolo do equipo equipo de rugby de Escocia. De acordo coa lenda o cardo gardián xogou un papel moi importante na defensa de Escocia no ataque nocturno por parte dos dinamarqueses, posto que un dos invasores pisou un cardo e emitiu un berro de dor, alertando así aos defensores escoceses.

A locución latina Nemo me impune lacessit ("Wha daur meddle wi me?, "Ninguén me fere impunemente" en galego) é unha antiga divisa dos Reis de Escocia, e tamén da primeira orde de cabalería escocesa, da Máis Antiga é Mais Nobre Orde do Cardo e da Garda Escocesa (as dúas últimas "pertencentes" ao monarca).

Os xogadores escoceses durante o himno antes de comezar o partido.

O himno Flower of Scotland é o que sen vén utilizando nos partido da selección antes dos partidos, coma himno non oficial de Escocia, dende 1990. Foi escrito por Roy Williamson do grupo the Corries en 1967, e adoptado pola SRU (Federación Escocesa de Rugby) para substituír o God Save the Queen, himno do Reino Unido, tamén utilizado polos ingleses. No primeiro ano que se utilizou The Flower of Scotland coma himno, no campionato das Cinco Nacións, Escocia chegou ao partido decisivo invicto, xogándose o partido decisivo polo título e o Gran Slam fronte a Inglanterra. Esta combinación foi explosiva e os escoceses venceron por 13 a 7, levándose o título.

O equipamento

[editar | editar a fonte]

Escocia tradicionalmente levou xerseis azul mariño, pantalóns albos e medias azuis. Porén, o uniforme recente, fabricado por Canterbury of New Zealand, ten os pantalóns tamén azul mariño. O patrocinador da selección adoitaba ser The Famous Grouse, unha marca de whisky escocés cuxo logo levaban na camisola e nos pantalóns. En Francia, onde o patrocinio por parte de compañías de bebidas espirituosas está prohibido por lei, o logotipo habitual era substituído polas siglas "TFG". Cando Escocia é o equipo de casa e o rival xoga habitualmente de cores escuras, Escocia usa o seu segundo equipamento. Tradicionalmente era unha camisola branca con pantalóns e medias azuis mariños. Durante un breve período, cando Cotton Oxford era o patrocinador da camisola, o xersei albo trocouse por un laranxa brillante con aros azuis nas mangas. A primeira vez que se usou foi fronte o New Zealand Māori, o 4 de novembro de 1998. Este xersei foi substituído polo tradicional branco dous anos despois. Tamén durante ese patrocinio o púrpura foi inserido na vestimenta tradicional azul, o que foi unha desviación significativa das tradicionais cores azul e branco, aínda que o púrpura estaba inspirado na flor do cardo.

O 3 de setembro de 2007 anunciouse que a compañía do presidente do Rangers F.C., Sir David Murray, será o novo patrocinador da selección, investindo 2,7 millóns de libras esterlinas (arredor de 2,9 millóns de euros) nos próximos tres anos. Isto puxo fin á relación durante 17 anos do equipo con The Famous Grouse, compañía que pese a todo segue moi ligada á selección sendo o principal patrocinador "espiritual", xa que paga un décimo do que achegaba antes para que a Federación Escocesa de Rugby non se afilie con ningún outro produtor de whisky.

Hai xa tempo que se vén levando a cabo unha campaña que o nome en gaélico escocés de Escocia, "Alba", apareza na roupa da selección de rugby[25][26]. Dende 2005, a Federación de Rugby apoia o uso de gaélico escocés na camisola dos seus equipos en recoñecemento do rexurdimento da lingua en Escocia[27].

Estadios representativos do XV do Cardo

[editar | editar a fonte]

Os primeiros encontros a domicilio

[editar | editar a fonte]

De 1871 a 1925 o equipo de Escocia disputou os seus encontros internacionais nunha manchea de estadios antes de instalarse finalmente no seu estadio habitual, o Murrayfield.

O primeiro encontro internacional entre equipos nacionais de rugby foi no estadio Raeburn Place. Localizado en Edimburgo, esta cancha veu como o equipo escocés vencía a Inglaterra o 27 de marzo de 1871.

Á procura dun estadio

[editar | editar a fonte]
Vista do estadio durante un partido.

Forzada a alugar diferentes estadios de crícket para poder xogar partidos, a Federación Escocesa de Rugby (a Scottish Rugby Union, daquela Scottish Football Union) quere resolver dunha vez o problema e atopar un lar onde poder xogar. A súa procura dura sete anos, xa que ningún municipio quere acollelos dicindo que os seareiros chegaban aos partidos coma hordas salvaxes. Por fin, en 1897, adquiren un terreo en Inverleith (un barrio de Edimburgo) pola suma de £3.800, sendo así unha das catro primeiras federacións británicas en posuír o seu propio estadio. O primeiro partido neste lugar é o 18 de febreiro de 1899, cunha derrota do equipo escocés contra Irlanda por 3 a 9. Inverleith acolleu os partidos de Escocia até o 25 de xaneiro de 1925, xa que o XV do Cardo se instalou en Murrayfield (tamén en Edimburgo) o 21 de marzo dese mesmo ano[28].

Murrayfield

[editar | editar a fonte]
Murrayfield.
Artigo principal: Murrayfield Stadium.

A federación escocesa de rugby adquiriu este terro en 1920 ao Edinburgh Polo Club e construíu o primeiro estadio de Murrayfield que foi inaugurado o 21 de marzo 1925[29]. O primeiro partido disputado en Murrayfield foi entre o quipo de Escocia e o de Inglaterra ante 70.000 espectadores, con vitoria dos escoceses que lograron o seu primeiro Grand Slam.

Durante a segunda guerra mundial, Murrayfield foi utilizado coma almacén pola Royal Air Force, sendo xogados provisionalmente os partido do equipo en Inverleith durante dous anos até 1944, data da fin da requisa da armada.

O estadio acolleu até 104.000 espectadores en 1975, mais a capacidade reduciuse por motivos de seguridade. Un sistema de quecemento do terreo foi instalado a comezos dos anos 90 do século XX estando operativo para a Copa do Mundo de Rugby de 1991, o que permite que os partidos se disputen en mellores condicións durante o inverno.

Rexistros

[editar | editar a fonte]

Participacións de Escocia na Copa do Mundo.

Edición Organizador Posto
1987 Nova Zelandia e Australia 1/4 finalista
1991 Inglaterra[30] Cuarto
1995 Suráfrica 1/4 finalista
1999 País de Gales[31] 1/4 finalista
2003 Australia 1/4 finalista
2007 Francia[32] 1/4 finalista
2011 Nova Zelandia Primeira fase
2015 Inglaterra[33] -
 
Escocia

Francia

Gales

Inglaterra

Irlanda

Italia
Torneos 121 86 121 119 121 16
Vitorias (compartidas) 14 (8) 17 (8) 26 (10) 26 (10) 13 (9) 0 (0)
Grand Slam 3 9 11 12 2 0
Tripla Coroa 10 N/A 20 24 10 N/A

Rexistros de xogadores

[editar | editar a fonte]

Máis partidos coa selección

[editar | editar a fonte]
Chris Paterson.

A seguinte listaxe recolle os rexistros máis notábeis de partidos xogados coa selección escocesa[34]. A lista inclúe xogadores dos últimos 25 anos, é preciso sinalar que unha clasificación por número de selección non depende só da calidade do xogador senón só do número de partido disputados internacionalmente. Co nacemento da copa do mundo en 1987 a periodicidade dos partidos variou de xeito destacábel.

  1. Ross Ford - 110
  2. Chris Paterson - 109
  3. Sean Lamont - 105
  4. Scott Murray - 87
  5. Mike Blair - 85

Máis ensaios

[editar | editar a fonte]
Chris Paterson.

Duhan van der Merwe é o xogador quen ten máis ensaios coa selección de Escocia[34]. Os xogadores actualmente activos para a selección de Escocia están en letra negra.

  1. Duhan van der Merwe - 28
  2. Stuart Hogg - 27
  3. Darcy Graham - 24
  4. Ian Smith - 24
  5. Tony Stanger - 24

A marca de puntos marcados posúea Chris Paterson con 809 puntos[34]. Este xogador, aínda en activo, ocupa o onceavo posto na lista histórica internacional de puntos coa súa selección. Finn Russell é o único xogador activo entre os cinco primeiros.

  1. Chris Paterson - 809
  2. Gavin Hastings - 667
  3. Greig Laidlaw - 340
  4. Finn Russell - 382
  5. Andy Irvine - 273
  1. IRB Ranking Arquivado 15 de abril de 2012 en Wayback Machine., consultado o 2 de marzo de 2009 (en inglés)
  2. Pequena historia do rugby Arquivado 02 de xuño de 2006 en Wayback Machine., de rfu.com (en inglés)
  3. Primeiro encontro internacional de rugby, de rugbyfootballhistory.com (en inglés)
  4. Cronoloxía do rugby Arquivado 07 de agosto de 2007 en Wayback Machine., de rfu.com (en inglés)
  5. De Raeburn Place a Murrayfield Arquivado 11 de febreiro de 2006 en Wayback Machine., de scottishrugby.org (en inglés)
  6. Inglaterra - Escocia 8-3 Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  7. Ingleterre - Escocia en Hamilton Crescent en Glasgow Arquivado 17 de xullo de 2011 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  8. O Torneo internacional Arquivado 10 de novembro de 2007 en Wayback Machine., de rfu.com (en francés)
  9. Six nations history, de bbc.co.uk (en inglés)
  10. Historia de deportes Arquivado 23 de decembro de 2008 en Wayback Machine., de hickoksports.com (en inglés)
  11. Historia do Rugby 1886 Arquivado 07 de agosto de 2007 en Wayback Machine., de rfu.com (en inglés)
  12. Orixe do nome All Blacks Arquivado 14 de outubro de 2008 en Wayback Machine., do sitio web do Rubgy Museum of New Zealand. (en inglés)
  13. Xira dos Originals en 1905-1906 Arquivado 18 de xuño de 2008 en Wayback Machine., de stats.allblacks.com (en inglés)
  14. Escocia - Nova-Zelandia Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  15. Escocia - Suráfrica Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  16. Xira de Suráfrica en Gran Bretaña e Irlanda en 1906, de rugbyrelics.com (en inglés)
  17. Imaxes da xira de Suráfrica en Gran Bretaña e Irlanda en 1906 Arquivado 23 de febreiro de 2009 en Wayback Machine., de ovalballs.com (en inglés)
  18. Os Grand Slam de Escocia Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., de rugbyrelics.com (en inglés)
  19. Enfrontamentos Inglaterra - Escocia Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  20. O Torneo das VI Nacións - O mito Os anos 70 Arquivado 19 de marzo de 2009 en Wayback Machine., de lequipe.fr (en francés)
  21. Gordon Brown (Primeira Parte) 1969-1976, de sporting-heroes.net (en inglés)
  22. Gavin Hastings (Primeira Parte) 1986, de sporting-heroes.net (en inglés)
  23. Arxentina - Escocia, de rugbydata.com(en inglés)
  24. Escocia - Italie Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine., de rugbydata.com (en inglés)
  25. Scottish Rugby Union: "Put 'Alba' on Scottish Ruby Shirt" (en inglés)
  26. BBC Alba - Gàidhlig air lèintean rugbaidh na h-Alba (en gaélico escocés)
  27. BBC Escocia - Gaélico engadido no equipamento de Escocia (en inglés)
  28. Historia de Murrayfield Arquivado 11 de febreiro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
  29. From Raeburn Place to Murrayfield Arquivado 11 de febreiro de 2006 en Wayback Machine., de scottishrugby.org (en inglés)
  30. coa asistencia de País de Gales, Escocia, Irlanda e Francia
  31. coa asistencia de Escocia, Inglaterra, Irlanda e Francia
  32. coa asistencia de País de Gales e Escocia
  33. coa asistencia do País de Gales
  34. 34,0 34,1 34,2 SuperRugby Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]